Saturday 20 de April de 2024

A Xunta destaca a implicación dos servizos de emerxencias e das forzas de seguridade na loita contra a Covid-19


— O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiu hoxe ao acto organizado pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Coruña para homenaxear o traballo de distintos colectivos durante a crise sanitaria

— O Goberno galego leva investidos 14M€ para colaborar no funcionamento e na dotación de material das agrupacións de Protección Civil, que durante os meses máis duros da pandemia levaron a cabo máis de 102.000 operativos

A Xunta destaca a dedicación das forzas de corpos de seguridade e dos servizos de protección civil e de emerxencias na loita contra a covid-19, que precisamente foron algúns dos homenaxeados polo seu na xestión da crise sanitaria no acto organizado hoxe pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Coruña (AVPC) ao que asistiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

Xunto coas forzas e corpos de seguridade -Policía Autonómica, Garda Civil, Policía Nacional, e os servizos de Policía Local dos concellos da Coruña- e as AVPC da provincia coruñesa, no acto recoñeceuse o labor do persoal das áreas sanitarias de A Coruña-Cee, Santiago de Compostela e Ferrol; da Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña; do Banco de Alimentos Rías Altas; así como a condecoración a título póstumo de Bruno García Mallo, sarxento do parque de bombeiros de Arzúa e Fernando Prados, coordinador xeral do Hospital de Emerxencias Enfermera Isabel Zendal de Madrid. Por parte da Policía Autonómica recolleu a placa de recoñecemento o comisario xefe Jorge Rubal.

O Goberno galego recoñece o labor altruísta levado a cabo cada día polos voluntarios de Protección Civil para garantir a seguridade dos cidadáns e tamén o seu compromiso en axudar aos seus veciños nos meses máis duros da pandemia. Así, participaron en máis de 102.000 operativos relacionados co reparto de alimentos e medicamentos a persoas en situación de vulnerabilidade, na limpeza e desinfección de lugares públicos e tamén ofrecendo información para concienciar á poboación da necesidade de adoptar as medidas de prevención adoptadas fronte á covid-19.

Ademais, a colaboración destas agrupacións permite reforzar os servizos de emerxencias, sobre todo en actividades en prevención, pero tamén en intervencións, porque en moitos casos son os primeiros en chegar ao lugar dos feitos. Por iso, a Xunta leva investidos nos últimos anos máis de 14 millóns de euros no funcionamento e na dotación de material ás AVPC da comunidade.

Neste ano a Xunta xa publicou unha orde de axudas de 1 millón de euros para a cesión de equipamento a estas agrupacións como vehículos todocamiño pick-up, remolques para a atención ás emerxencias, tendas de campaña para emerxencias, coitelas para a retirada de neve e esparexedores de sal. Tamén destinará 340.000 euros os seus gastos de funcionamento e apoiará as actividades do Xacobeo 21-22 nas que participen para garantir a seguridade. O Goberno galego contribúe ademais á formación dos seus efectivos, tanto co curso básico para obter o carné de voluntario e poder ingresar nas AVPC como con formación continua para actualizar os seus coñecementos.